Terzo

Terzo español
A rendición de Breda, de Velázquez. Ambrosio Spínola (dereita), comandante dos terzos españois, recibindo as chaves da cidade.
Activa1534-1704 (Disolución)
FidelidadeImperio español
PapelSeguridade, control e defensa da Monarquía hispánica.

Un terzo era unha unidade militar do exército do Imperio Español durante a época da Casa dos Austria. Os terzos foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das unidades militares dispoñíbeis para os reis de España da época. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre, e en ocasións tamén marítima do Imperio. O terzo é considerado o renacemento da infantaría no campo de batalla e adoita ser comparado coas lexións romanas ou as falanxes de piqueiros macedónicas.[1]

Os Terzos españois foron o primeiro exército moderno europeo, entendendo como tal un exército formado por voluntarios profesionais, en lugar das levas para unha campaña e a contratación de mercenarios usadas tipicamente noutros países europeos. O coidado que se poñía en manter nas unidades un alto número de "vellos soldados" (veteranos) e a súa formación profesional, xunto á particular personalidade que lle imprimiron os orgullosos fidalgos da baixa nobreza que os nutrían, é a base de que foran a mellor infantaría durante século e medio. Ademais, foron os primeiros en mesturar de forma eficiente as picas e as armas de fogo, como o arcabuz.

A partir de 1920 tamén reciben ese nome as formacións de tamaño rexemental da Lexión española, unidade profesional creada para combater nas guerras coloniais do norte de África, e que se inspiraba nas xestas militares dos terzos históricos. A Lexión española tamén garda certos parecidos coa Lexión estranxeira do exército francés.

  1. "...e, co Gran Capitán, a aparición nin máis nin menos que do terzo español, de algo que equivale na historia universal ao nacemento da falanxe macedonia ou da lexión romana". Braudel, Fernand (1976). "El Mediterráneo y el mundo mediterráneo en la época de Felipe II" (tomo II). México: FCE. p. 28

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search